Vai para catro anos naceu Galegas 8M coa misión de reformular o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Dende entón fomos quen de harmonizar sinerxías, xuntamos a múltiples e diversos colectivos feministas e a mulleres individuais de toda Galiza e dende o 2018, cada 8 de marzo, as rúas, estradas e corredoiras do país enteiro tremen e tínxese de lila elevando a voz do feminismo.
A pandemia obrigounos a repensar as nosas accións e xeitos de facer e organizar. Mais pese a todas as restricións e limitacións, o movemento feminista galego non vai ficar calado, nin os problemas das mulleres confinados tras as portas.
Se durante os anos 2018 e 2019 fixemos parte do Paro Internacional de Mulleres do 8 de marzo, impulsando unha folga feminista (de coidados, laboral, estudantil e de consumo) que baleirou miles de centros de traballo, de aulas e de fogares no noso país, desbordando rúas e prazas con milleiros de mulleres, demostrando que cando as mulleres paramos o mundo para; este ano 2021 consideramos que é necesario voltar pór o foco de atención no eixo no que atopamos máis dificultades para levar a cabo a folga, pero máis afectado na situación actual: os coidados. Porque o lema SEN COIDADOS NON HAI VIDA revelouse como irrefutábel.
Así que chegou o tempo de facer posíbel o que pensabamos utópico. Unha das estratexias de cambio é poñer en valor os coidados na lóxica doutro código ético. A democratización da vida, en función da equivalencia humana e apostar pola corresponsabilidade tanto no reparto de tempos coma de traballos. Un enfoque de sostibilidade da vida, non só dende a familia, senón dende o sector comunitario e o sector público, creando redes de coidado.
É por isto que este ano voltamos a convocar folga de mulleres de 24 horas, poñendo os coidados no centro e motor das nosas reivindicacións. Porque a pandemia evidenciou que a meirande parte do traballo dos coidados seguen a realizarse sen remuneración algunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes ao sistema (coidados sanitarios, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, coidados das terras, labranza, colleita … ) E cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente, mesmo a pesares de resultaren actividades esenciais para o desenvolvemento da sociedade.
Hoxe estamos en folga para concienciar da importancia de todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución e o mantemento da vida, de todas esas tarefas ás que non lles damos importancia e sen as cales a nosa existencia, tal e como a coñecemos, non sería posíbel.
Porque sen nós o capitalismo patriarcal cae: o discurso económico está cheo de sesgos, o que entenden por economía exclúe ás mulleres, desprézanos, fainos de menos e nos relega soamente ao espazo íntimo.
Porque cando falamos de coidados falamos de colocar a vida no centro de todo. Falamos da relevancia que a vida ten, e de darlle valor a quen colabora para que sexa posíbel. Falamos do valor social, mais tamén do valor económico que ten sostela. Falamos da certeza de que as persoas non somos independentes, precisamos dos coidados alleos durante toda a nosa vida, para satisfacer as nosas necesidades afectivas, para alimentarnos, para mantermos a saúde, para vestirnos, para vivirmos en contornos limpos, na procura do noso benestar e da nosa felicidade.
Imos á folga contra un sistema, capitalista e patriarcal que asigna ás mulleres as tarefas de coidado, xerando un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos, onde os horarios laborais non importan porque estamos nós na casa para ocupármonos dos coidados da terra e da familia. Porque non é posíbel compatibilizar os coidados dentro dun sistema capitalista que se rexe por unha lóxica de mercado.
Facemos folga porque a crise foi e está a ser utilizada para reprivatizar a reprodución social, así, tras os recortes no gasto público en servizos de coidado, sanitarios e educativos, lograron que unha parte deles regresaran ao fogar recaendo máis unha vez sobre nosoutras.
É importante sinalar que a privatización dos servizos esenciais para o coidado, xera máquinas lucrativas, que enchen os petos dunhas poucas persoas, mentres escravizan a moitas. Este modelo consinte a existencia de zulos de persoas maiores, vulnerabeis e/ou dependentes residentes. Mais o sector dos coidados non pode ser un negocio. A privatización destes servizos é o principal cómplice dos datos da mortalidade e letalidade da covid-19. Facer negocio coa saúde conleva riscos elevados.
Esiximos que corrixan un modelo ao que só lle interesa aumentar beneficios, aínda que sexa a costa de empeorar as condicións de traballo (salarios baixos, pouco persoal con exceso de tarefas e altas doses de estrés, recortes en formación e en seguridade…).
Facemos folga para esixir que se coloquen os servizos públicos como centro para a reconstrución do sistema. Porque os coidados humanizados, respectuosos coas vidas e de calidade son innegociabeis. Por iso reclamamos un sistema que dea atención á demanda real, asumido só pola administración pública, e á eliminación da contratación por parte da mesma de calquera servizo social.
Porque mentres o goberno da Xunta e o goberno do estado enredábanse en acusacións sobre quen tiña a responsabilidade e competencias na xestión da pandemia, as únicas políticas que se puxeron en marcha para garantir os coidados, consistiron en permitir que as persoas reduciran a súa xornada laboral na súa totalidade, en vez de garantir permisos retribuídos para quen viu como dun día para outro pechaban escolas, pechaban centros de día e residencias, obrigando a un número elevadísimo de mulleres á necesidade de deixar os seus empregos e por tanto prescindir da súa independencia económica para poder coidar das persoas que o estado deixou de atender.
Imos á folga porque se nos fixo crer que o traballo a distancia era a fórmula ideal de conciliación, obviando que foi unha trampa para un importante número de mulleres que seguiron asumindo as súas xornadas laborais de xeito extensivo, compatibilizando emprego, educación das crianzas, tarefas domésticas e coidado moitas veces de xeito simultáneo.
Asumimos flexibilizacións horarias sen dereitos e sen desconexión que conlevan 24 horas de traballo máis 24 horas de coidado, o que deriva directamente nun detrimento da nosa saúde física, emocional e psicolóxica.
Porque somos conscientes que se nalgo petou nesta crise foi na nosa capacidade adquisitiva.
O feche dos centros educativos e dos centros de coidado a persoas dependentes e/ou maiores xerou unhas necesidades de conciliación inimaxinabeis ate o momento. Mermando os nosos salarios cando temos que coidar, porque a realidade é que neste país, para poder coidar, temos que reducir a xornada ou deixar de traballar.
Estamos en folga porque, igualar a duración das prestacións por nacemento e coidado para as parellas e manter a mesma duración que hai máis de 30 anos para as nais biolóxicas, desatende todas as recomendacións de aleitamento da crianza e imposibilita que poidamos maternar en condicións seguras. Ademáis, quedan excluidas desta ampliación de tempo para coidar as familias monomarentais.
Esiximos dereitos para maternar de forma digna, xa que a crianza é un asunto que esixe corresponsabilidade social. Propugnamos a transformación do sistema patriarcal, capitalista e adultocéntrico para que os coidados sexan pensados como prioridade e non se nos obriguea maternar dende o invisibel e o precario. Pola violencia obstétrica, custodias compartidas impostas, o inexistente SAP e toda a violencia económica que precariza ás crianzas ao negarlles recursos. Porque durante esta crise sanitaria as nais seguimos sostendo ás familias dende a sobrecarga e a precariedade.
Facemos folga porque pese a que as desigualdades retributivas se recortaron con respecto aos últimos anos non foi porque se incrementaran os salarios das mulleres, senón pola destrución de traballo masculino en actividades mellor remuneradas.
Facemos folga fronte a quen adoptou regulamentos lexislativos para evitar discriminacións retributivas por razón de xénero, mais permiten no mesmo decreto fendas salariais, sen xustificación.
Iremos á folga para denunciar a precariedade das pensións das galegas, que de media percibimos case 300€ menos que os galegos. E sobre o feito de que das persoas que temos as pensións máis baixas, máis do 60% somos mulleres.
Facemos folga porque as profesións feminizadas habitualmente desvalorizadas, pese a que co xurdir da pandemia resultaron ser o sustento da vida e dos coidados (desde a atención sociosanitaria, o persoal de supermercados, etc.), e pese a ser consideradas como traballadoras esenciais, nin recibimos contra prestación económica por sobreexpoñernos ao virus, nin tampouco se revalorizaron as nosas categorías laborais.
Porque sendo o sector de axuda no fogar, onde o 97% somos mulleres, o máis invisíbel e o segundo con máis contaxios durante a pandemia, estamos hoxe en día desprotexidas e sen medios. “SOA SON INVISÍVEL, UNIDAS INVENCÍBEIS”
Imos á folga para esixir que as empregadas do fogar deixen de formar parte dun rexime especial. Denunciamos a situación de moitas traballadoras internas, a maior parte delas migrantes, que deixaron a súa xente e a súa terra para vir coidar ás nosas persoas maiores e crianzas nunha situación de escravitude detestábel, agravada durante o confinamento.
Iremos á folga polos milleiros de mozas que se viron obrigadas a emigrar nas últimas décadas, ante a falta dunha oportunidade laboral, contribuindo á sangría demográfica agochada polo goberno baixo a premisa dunha mobilidade exterior que non é tal.
Imos á folga pola situación de especial vulnerabilidade á que o estado expón ás mulleres presas. O sistema penitenciario está deseñado por e para homes, os espazos destinados a mulleres reclusas son precarizados e inseguros, teñen unha menor oferta de recursos formativa que reduce as súas oportunidades de reinserción laboral. O 80% das mulleres que entran na cadea son nais ás que separan das crianzas á idade de 3 anos. As presas tamén coidan! A covid foi a excusa para suspender comunicacións presenciais e “vis a vis”, medidas que empeoran a saúde das presas e das súas familias.
Facemos folga por todas aquelas mulleres que foron agredidas e desatendidas en plena pandemia, por todos os dereitos sexuais e reprodutivos vulnerados.
Facemos folga porque non podemos soportar nen unha morta máis nas malditas listaxes que recitamos con horror cada 25 de novembro, porque as situacións de violencia durante o confinamento foron terroríficas.
Imos á folga porque as agresións sexuais son parte da pandemia que, confinadas ou sen confinar, sufrimos as mulleres. Nesta ocasión cun aumento de casos no ámbito da familia e amizade, acompañadas, segundo os dados, dun aumento de agresividade e brutalidade sobre menores.
Iremos porque perante a posibilidade histórica dunha lei despatoloxizadora, é necesario incluír de novo a demanda de despatoloxización e de autodeterminación, porque as mulleres trans tamén notamos o efecto precarizador da ausencia de políticas de coidado. Esiximos dereitos para todas, coas nosas diversidades, sen estigmas e sen deixar mulleres nas marxes.
Porque esta pandemia levou a unha situación límite a moitas mulleres que xa estaban nunha situación de exclusión, pobreza e precariedade:
Por todas as mulleres en situación de prostitución!
Polas que non teñen teito!
Polas mullers trans que foron rexeitadas polas súas familias e non tiveron onde ir!
Polas que non alcanzan a ter un ingreso mínimo garantido!
Polas que viven en situacións inseguras!
Imos á folga porque estamos fartas de que o traballo no fogar, nas terras, e nos coidados funcione como un amortiguador dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas.
Porque debe existir unha demanda social por darlle valor a este, por permitirnos exercelo cando así o decidimos e en favor de políticas públicas que permitan a súa redistribución; ampliando as posibilidades das persoas de elixir o modo de organizar socialmente o coidado; atendendo as particularidades das galegas que vivimos en entornos rurais, cada vez máis envellecidos, con malas conexións ás cidades e vilas que é onde se centralizan os servizos sociais e de atención á saúde.
As mulleres advertimos que esta crise sanitaria non pode pagarse coas nosas vidas e o noso traballo, pago ou non pago. Porque a medicina telefónica resultou ineficaz, porque os protocolos de atención quedaron obsoletos, deshumanizando e vulnerando os nosos dereitos. Non podemos permitir o “secuestro” das persoas que viven nas residencias, que viron limitada a súa liberdade como única solución a unha xestión nefasta da pandemia.
Temos que organizar a sociedade doutro xeito. Esiximos que sexa unha cuestión política e económica de primeira orde, garantindo o dereito real de todas as persoas a sermos coidadas integralmente, é dicir, con acceso a recursos, con criterios de xustiza social e desde unha perspectiva feminista. Esiximos o dereito a unha vida digna e feliz para todas as persoas!
Porque a vida debe estar no centro de todas as políticas sociais e económicas, onde as necesidades básicas e de coidados estean garantidas no estado de benestar e non sexan un privilexio dunhas poucas ou unha moeda coa que encher os petos de empresas privadas a costa da saúde e condicións de vida das nosas persoas maiores ou dependentes.
Porque somos esenciais, estamos precarizadas e moi fartas!!!
Hoxe, como hai centos de anos, as mulleres percorremos as rúas do mundo reclamando os nosos dereitos. Marchamos por aquelas que hoxe non poden estar, por aquelas que enchedes os vosos balcóns de reivindicación feminista.
Porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario.
Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!
Hoxe e sempre…
ABAIXO O PATRIARCADO CAPITALISTA E COLONIAL!
VIVA A LOITA DAS MULLERES!
Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política. ACEPTAR