Hoxe, como todos os 8 de marzo, estamos aquí, en pé de loita, para bater no chan con todas as mulleres do mundo e facer tremer a terra!
Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias. Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de todo tipo de violencias! que a vida sexa vivíbel para todEs, sostida por todEs e asumida polo conxunto da sociedade.
Porque non queremos ter que discutir se a fenda salarial real entre homes e mulleres é do 19, do 23, 34 ou 45%. Porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque as mulleres máis novas están condenadas ao traballo escravista, parcial e precario, á exclusión social e á pobreza; e as maiores ao abandono, a soidade e á miseria, sen recursos e comunidades que as sustenten.
Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas, acosadas, humilladas, calumniadas, represaliadas ou xulgadas no lugar dos seus agresores. Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo este terror só vai parar o día que acabemos con el.
Porque somos diversas e o patriarcado capitalista instrumentaliza esa diversidade para nos segmentar, dividir e desartellar con violencias e discriminacións específicas, mais o movemento feminista ensínanos que a diversidade suma e multiplica as loitas, que todas as perspectivas son importantes, todas as voces necesarias e todas as mulleres valiosas para avanzarmos cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.
Porque as mulleres migrantes somos vítimas dun sistema que converte as persoas en mercadoría que move ou trafica segundo intereses económicos, sacrificando vencellos e afectos, á vez que nos somete a maior explotación e cidadanías de segunda clase.
Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla ou tripla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén todo un ecosistema e unha fonte de sustento para todas que o poder condena ao máis absoluto deterioro e abandono. Temos que apostar por nos relacionar co medio de forma radicalmente diferente, precisamos a soberanía alimentaria e enerxética para transformarmos o mundo e rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.
Porque o menosprezo, as agresións, a discriminación laboral, a exclusión social e as violencias médicas baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. Porque todas as mulleres e feministas temos que rexeitar a patoloxización, a difamación e os intentos de exclusión das mulleres trans e intersex, que xa formamos e sempre formaremos parte dos feminismos. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo libres de violencias.
Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, porque nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen e sometan para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais.
Hoxe, como hai catro anos, as galegas mobilizámonos no espazo público para sumar forza ás nosas razóns, porque levamos todas as nosas vidas berrando, protestando e esixindo solucións a un sistema que ignora sistematicamente as nosas demandas:
Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!
Galegas 8M 2022
Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política. ACEPTAR