Manifesto de Galegas 8 M para o Día das Mulleres 2018

Benvidas, mulleres! Benvidas, compañeiras!

Benvidas as que levades décadas construíndo o feminismo en Galiza, porque sen vós non estariamos hoxe aquí; benvindas todas as que formades, formamos, parte deste movemento imparábel, porque sen vós isto tampouco sería posíbel. Benvidas todas as mulleres que habitamos este recuncho do mundo que é Galiza, desde o que estamos a construír un futuro de dignidade para todas!

Hoxe ateigamos Vigo, como antesala ao que vai suceder neste 8 de marzo, en sororidade con todas as mulleres que hoxe están facendo paros nesta xornada de folga internacional de mulleres. Hoxe, como todos os 8 de marzo, estamos aquí, en pé de loita, para bater no chan con todas as mulleres do mundo e facer tremer a terra!

En catro días, as mulleres do mundo estaremos levando a cabo a primeira folga de mulleres feminista, sumándonos a ela a nivel internacional, multilingüe e intersectorial, desde as nosas realidades, experiencias e vidas diversas, para dar un paso á fronte e transformar para sempre a vida de todas.

Hoxe recuperamos o espírito co que as traballadoras e revolucionarias marcaron esta xornada como día de loita, logo de anos de ser utilizado como mera conmemoración. Hoxe rescatamos este día para a loita feminista arrancándoo dos rituais institucionais nos que pretenden encerralo. Hoxe culminamos un punto de inflexión nos feminismos galegos, que se coordinaron durante meses desde as bases para que esta xornada sexa unha demostración de forza das mulleres galegas.

Hoxe iniciamos unha nova senda, facendo unha folga de coidados, laboral e de consumo que repetiremos cada ano até que as mulleres paremos o mundo e o mundo sexa tamén noso. Desde a unidade de acción, mais tamén desde a riqueza da nosa diversidade, para forxarmos un futuro colectivo que terá de ser feminista ou non será.

Porque somos as mulleres as que sostemos a vida, que o sistema despreza e estraga cando esas vidas son as nosas, as das mulleres. Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de todo tipo de violencias! Queremos que a vida sexa vivíbel para todEs, sostida por todEs e asumida polo conxunto da sociedade.

Porque sabemos do sacrificio das nosas vidas para coidar das nosas maiores, das nosas crianzas, das nosas iguais, mais non queremos asumir esa tarefa en solitario. Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias.

Porque non queremos ter que discutir se a fenda salarial real entre homes e mulleres é do 23, 34 ou 45%. Porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións nen con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque hoxe as mulleres máis novas están condenadas de antemán ao traballo escravista, parcial e precario, cando non directamente á exclusión social e á pobreza; e as maiores están abocadas ao abandono, a soidade e á miseria, sen recursos e comunidades que as sustenten.

Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas. Queremos parar de contar cantas teñen que denunciar e cantas non o fan, cantas son as acosadas, as humilladas, as calumniadas, represaliadas ou xulgadas elas en vez dos agresores.

Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo este terror só vai parar o día que acabemos con el.

Porque somos diversas e o patriarcado capitalista instrumentaliza esa diversidade para nos segmentar, dividir e desartellar con violencias e discriminacións específicas, mais o movemento feminista ensínanos que a diversidade suma e multiplica as loitas, que todas as perspectivas son importantes, todas as voces necesarias e todas as mulleres valiosas para avanzarmos cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.

Porque as mulleres migrantes somos vítimas dun sistema que converte as persoas en mercadoría que move ou trafica segundo intereses económicos, sacrificando vencellos e afectos, á vez que sometendo as nosas irmás inmigrantes a maior explotación e cidadanías se segunda clase.

Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla ou tripla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén todo un ecosistema e unha fonte de sustento para todas que o poder condena ao máis absoluto deterioro e abandono. Porque temos que apostar por nos relacionar co medio de forma radicalmente diferente, porque precisamos a soberanía alimentaria para transformarmos o mundo e porque debemos rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.

Porque o menosprezo, as agresións, a discriminación laboral, a exclusión social e as violencias médicas baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. Porque todas as mulleres e feministas temos que rexeitar a patoloxización, a difamación e os intentos de exclusión das mulleres trans e intersex, que xa formamos e sempre formaremos parte dos feminismos. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo libres de violencias.

Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, porque nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen e sometan para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais. Porque estamos fartas. Porque se non podemos bailar, debater, reflexionar, cantar ou facer berrar as paredes, a revolución non nos interesa.

Por todo isto, por todas nós, porque estamos fartas, imos facer do 8 de marzo unha xornada de folga internacional de mulleres para paralo todo, para mudalo todo, para que as nosas vidas se coloquen no centro da axenda e das prioridades. Porque só así seremos capaces de construír un mundo, unha Galiza e unhas vidas xustas, igualitarias e libres.  

Facemos folga de mulleres para sumar forza ás nosas razóns, porque levamos todas as nosas vidas berrando, protestando e esixindo solucións a un sistema que ignora sistematicamente as nosas demandas.

Facemos folga de mulleres para dicir basta de remendos e tutelas institucionais que falan no noso nome ou nos usan como floreiro das políticas públicas sen solucionaren nada; para berrar que todo o que se faga sen nós faise contra nós; para deixar claro que estamos fartas de leis baleiras e ficticias, afastadas da realidade ou deseñadas como parches aos problemas sistémicos que padecemos.

Facemos folga de mulleres para esixir que as políticas públicas deben ser deseñadas polos feminismos e tomadas en serio, financiadas e veladas na súa eficacia e cumprimento.

Facemos folga de mulleres para berrar que estamos fartas dun sistema educativo que reproduce as lóxicas patriarcais do poder e as súas violencias; para que as políticas educativas sexan dunha vez serias e radicais, atallando os problemas desde a base e desde a raíz.

Facemos folga de mulleres para esixir unha educación pública de calidade, igualitaria e non sexista, na que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades, na que exista unha educación sexual dende a primeira infancia e adaptada a todas as idades, que propicie o desenvolvemento libre e saudábel da propia sexualidade, a normalización e a celebración da diversidade, e unha vida e unhas relacións afectivo-sexuais baseadas no respecto e na igualdade.

Facemos folga de mulleres para esixir unha vida sen violencias, e para demandar que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico de todas; para deixar claro que non aceptamos ningunha medida que non sexa integral e radical para protexer as nosas vidas das violencias machistas; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.

Facemos folga para que lles quede claro que reclamamos e exercemos o noso dereito á autodefensa en todos os ámbitos da vida, que sempre nos defenderemos e defenderemos as nosas irmás até que as violencias sexan erradicadas.

Facemos folga de mulleres para que os coidados sexan asumidos polo conxunto da sociedade, para que a comunidade sirva como ferramenta para construír vidas dignas, para transformar radicalmente a forma en que nos relacionamos co traballo, para combater o capitalismo e construír alternativas de vida para todas; para exercermos o noso dereito a escoller en liberdade a nosa forma de vivir, de amar, de criar, de maternidade e de sexualidade, e para que todas e cada unha desas escollas conten con todas as garantías sociais para podermos desenvolvelas.

Facemos folga de mulleres para que os poderes públicos se involucren nunha loita sen cuartel contra a industria da trata.

Facemos folga de mulleres para que os gobernos deteñan e revertan a situación de abandono e destrución do medio rural.

Facemos e faremos folga de mulleres até que unha reforma laboral con perspectiva verdadeiramente social e de xénero impoña a obrigatoriedade de convenios colectivos e transparentes que erradiquen a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza.

Facemos e faremos folga de mulleres até que os homes perdan os seus privilexios.

Facemos e faremos folga de mulleres até que teñamos a convicción de que as nosas vidas son nosas, os nosos corpos nosos, o mundo tamén noso.

Por todo isto e moito máis as mulleres galegas faremos folga este 8 de marzo!

Temos a forza e a determinación para facermos que este mundo sexa tamén noso, mais igualitario e mais xusto!

Mulleres, compañeiras: a revolución será feminista ou non será!

Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!

Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política. ACEPTAR

Aviso de cookies
Facebook
Twitter
Instagram