Manifesto de Galegas 8M para a mobilización nacional de 2020

BENVIDAS!!!!!
Benvidas e benvides a Verín!
Un ano máis, o conxunto do feminismo galego unimos a nosa forza para deixar moi claro que somos unha voz importante. Todas xuntas somos un berro que non poden, aínda que queiran, desouvir. Unidas desde a nosa diversidade, baixo o paraugas de GALEGAS8M, amosamos a nosa capacidade para espallar a loita feminista e de xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas que traballan arreo e de forma continuada na defensa dos nosos dereitos nos distintos eidos da sociedade.

Estar hoxe aquí énchenos de ledicia.

Antes de nada, queremos felicitar a unhas mulleres que se empeñaron na defensa da vida na súa terra. Unha loita que mobilizou a toda unha comarca, a todo un país, fronte a privatización e a precarización dos servizos públicos de saúde levada a cabo polo goberno do Partido Popular, esa organización depredadora que leva exercendo violencia institucional contra as mulleres durante décadas, e que só cedeu ante a presión social. Un grande aplauso para as mulleres de Verín que lideraron unha loita exemplar en defensa dos seus dereitos:

O dereito a un parto sen violencia obstétrica.
O dereito a un coidado pediátrico de urxencias.
O dereito a unha sanidade pública e de calidade.
O dereito a vivir no rural con dignidade.

Tras dous anos de greve laboral, estudantil, de consumo e de coidados na que a nosa forza estourou e atravesou a sociedade galega e do planeta enteiro, chegamos ao 2020 coa necesidade de pór o foco de atención no invisíbel. O que na maioría das casas revolucionou, criou conflito e incluso, en moitos casos, impediu facer folga.

Falamos dos coidados porque… SEN COIDADOS NON HAI VIDA!

Esta afirmación non é unha opinión, non é unha escolla, é unha realidade incuestionábel. Os coidados son moito máis que a casa, as crianzas e as persoas dependentes. Coidados son todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución da vida, todas esas tarefas ás que non lles damos importancia e sen as cales a nosa existencia, tal e como a coñecemos, non sería posíbel.

Cando falamos de coidados falamos de colocar a vida no centro de todo. Falamos da relevancia que a vida ten, e de darlle valor a quen colabora para que sexa posíbel. Falamos do valor social mais tamén do valor económico que ten sostela. Falamos da certeza de que as persoas non somos independentes, precisamos dos coidados alleos durante toda a nosa vida, para satisfacer as nosas necesidades afectivas, para alimentarnos, para mantermos a saúde, para vestirnos, para vivirmos en contornos limpos, na procura do noso benestar e da nosa felicidade… E dependemos do medio da mesma maneira que dependemos das persoas: temos necesidade de auga potábel, de alimento, de osíxeno, de enerxía…

O patriarcado é un instrumento fundamental para o sistema capitalista. Asignándonos ás mulleres as tarefas de coidado e xerando un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos, onde os horarios laborais non importan porque estamos nós na casa para ocupármonos dos coidados da terra e da familia.

Queremos xornadas laborais con horarios racionalizados! É unha quimera a conciliación familiar con xornadas de 40 ou máis horas semanais.

É ridículo termos un dos permisos por maternidade mais curtos da Europa. As mulleres levamos décadas reclamando máis tempo para nos recuperar do parto e poder criar, se é que así o queremos facer. Queremos aumentar os permisos de nacemento, acollemento e coidado, porque ademais é un dereito das crianzas! 

É necesario entender toda a teoría dos coidados desde unha visión de corresponsabilidade. É preciso que os homes comecen a ocupar esta esfera. Aínda resulta estraño ver homes que pasen noites para coidar familiares en hospitais, que cambien cueiros a persoas maiores, que se ocupen e preocupen por coidados cotiáns nos fogares. Non existe a neutralidade, se non coidas: descoidas!

A economía capitalista non quere retribuír o traballo que realizamos de xeito gratuíto, nen respeitar a natureza. Na súa explotación é onde reside a maior parte do seu lucro. O sistema capitalista oculta o feito de que se mantén espoliando e colonizando. Espoliándonos e colonizando as mulleres e os nosos corpos. Espoliando e colonizando pobos e territorios. Espoliando e colonizando a natureza.

Apostamos por un feminismo anticapitalista, porque o capitalismo é un sistema contra a vida, a das persoas e a do que nos rodea. Precisamos abandonar un modelo de desenvolvemento que pon por riba o enriquecemento económico ao mantemento da vida. Precisamos pór as necesidades das persoas como centro. Precisamos mudalo todo!

Temos que organizar a sociedade doutro xeito. Temos que colectivizar os coidados! Queremos que todos e todas nos ocupemos. Tamén que as institucións dean resposta a estas necesidades. Queremos que sexa unha cuestión política e económica de primeira orde, garantindo o dereito real de todas as persoas a ser coidadas integralmente, é dicer, con acceso a recursos, con criterios de xustiza social e desde unha perspectiva feminista. Esiximos o dereito a unha vida digna e feliz para todas as persoas! Imos loitar polo que é invisíbel.

Hoxe os coidados son, alén dun labor estigmatizado e oculto, para moitas mulleres unha carga que nos vemos obrigadas a realizar baixo a presión dunha economía destrutiva; para outras son unha escolla irrealizábel por esa mesma economía que non reserva tempos para os coidados…e para outras un emprego precarizado, inestábel e desprestixiado. Neste último caso é indispensábel que os coidados pasen a un primeiro plano, profesionalizando e optimizando este tipo de traballos, dotando a todas as traballadoras do fogar e de coidados dos dereitos laborais e de protección social que nos corresponden, garantindo o acceso a prestacións por desemprego e xubilación, obtendo salarios acordes ao valor do traballo.

Rexeitamos a postura neoliberal de “quen teña os cartos que os pague”. Temos que abolir o actual réxime de empregadas do fogar! Denunciamos a situación de moitas traballadoras internas, moitas delas migrantes, que deixaron a súa xente e a súa terra para vir coidar as nosas persoas maiores e crianzas nunha situación de escravitude detestábel! Mulleres que se atopan en situacións aberrantes que, ao non teren contratos máis que verbais, non teñen posibilidade de obter os papeis de residencia… polo que en moitas ocasións son chantaxeadas con seren entregadas se non asumen condicións deplorábeis.

Esiximos políticas públicas de coidados con cobertura universal, e que por tanto se incremente o número de prazas en centros públicos, garantindo que non existan persoas que fiquen excluídas por falta de recursos.

A realidade galega amosa un país envellecido, cun rural abandonado e sen servizos, que, como intentaron máis unha vez aquí, en Verín, obriga a emigrar a vilas máis grandes onde centralizan os servizos. Un país empobrecido polas políticas neoliberais do Partido Popular mais tamén por un Estado Español que nos quita capacidade para xestionar os nosos bens, para decidir cales son as prioridades nas que queremos investir ou colocar eses recursos que xeramos. Un país cunha lexislación en materia de igualdade avanzada a respeito das políticas de Madrid, mais que non son aplicadas por falta de compromiso do goberno.

A resistencia de Verín é un exemplo. E o seu éxito, unha advertencia. Non nos cabe dúbida que nos últimos anos as reivindicacións feministas afectan as decisións políticas. O que sucedeu nesta vila xa estaba a acontecer en distintos puntos do país: o Hospital da Costa en Burela, o de Monforte… Pouco a pouco todos están a sofrer recortes que obrigan a desprazármonos. Non nos enganemos, se reabriron Verín foi grazas á loita e o compromiso de colectivos feministas, do persoal sanitario, das asociacións de mulleres, das organizacións sindicais e da morea de veciñas e veciños que participaron durante meses en mobilizacións e peches.

Tomemos consciencia de todo o que podemos mudar coa nosa voz conxunta. A nosa loita é imparábel!

Sen coidados non hai vida… diríamos máis, sen coidados hai violencia! Non imos consentir máis violencia contra os nosos corpos. Corpos diversos cos que queremos gozar da vida, da nosa sexualidade. Non imos permitir as discriminacións ás que as mulleres lésbicas, bisexuais e transxénero seguimos sometidas pola nosa orientación sexual e identidade. A falta de información na atención xinecolóxica cara as nosas realidades. A carencia e mesmo censura no ámbito da educación afectiva e sexual. Non apoiaremos nunca feminismos que exclúan a ningunha muller por como está formado o noso corpo. Non aceitaremos discursos transfóbicos. AQUÍ COIDAMÓNOS TODAS E TODES!!!!

Defender o rural tamén é unha reivindicación feminista. As mulleres do rural galego sofremos unha tripla discriminación: traballos desvalorizados que non atopan saída nun mercado cheo de produtos lonxanos e baratos que explotaron mulleres de lonxe e empobreceron as de aquí. Un país envellecido, e que nos leva ás mulleres do rural a asumir cada vez máis responsabilidades en todos os coidados, pola falta de servizos públicos axeitados á realidade galega, ademais de todo o peso de traballo que xa temos por ser as que levamos o peso do rural.

É necesario recuperarmos as comunidades, poñendo en valor as redes que creamos para axudarnos entre a veciñanza, nos distintos traballos da terra nos que nos unimos de xeito solidario e non permitindo que a burocratizacion e centralización dos recursos continúe a atacar este tipo de vida.
A colectivización do coidado ten que ser un modelo e non algo a destruír! Poñendo en valor redes tan solidarias como a das ciganas, que se organizan acompañando e apoiando as súas familias e que non sofren a lacra da soidade nas persoas maiores, algo que na sociedade paia fai estragos, froito en moitas ocasións, dun individualismo feroz.

Queremos reivindicar o vínculo coa Terra! Esiximos soberanía alimentaria! Temos que tomar conciencia do que consumimos, ter en conta os criterios de proximidade nas nosas compras. Defender o medio onde vivimos é imprescindíbel para defender a vida. 

O noso territorio, como o noso corpo, son campos de batalla.

Por todo isto e por tantas outras cousas, que trema Verín!!!!!!!!!!!!!!!!!

Que se escoiten ben as nosas voces!

Porque hoxe é un día de reivindicación, de recoñecemento á loita que durante séculos impulsaron as mulleres no rural galego, combatendo o espolio do noso territorio, dos nosos bens naturais. Por iso hoxe moitas de nós levamos posto o mandil, a bata cruzada de cadros, escolléndoa como símbolo e como homenaxe a toda esa rede de produción, de distribución e de consumo ecolóxico, solidario e responsábel. A todo ese traballo invisíbel e infravalorado de coidado das crianzas, das persoas enfermas, acompañándoas desde o inicio ao final das súas vidas, de xeito desinteresado, de balde, levado a cabo por tantas mulleres galegas.

Polas que coidaron do noso territorio e dos froitos do seu traballo!

Polas que nos legaron a loita pola xustiza social e a igualdade!

Polas que plantaron a semente que hoxe agroma como movemento de masas do feminismo galego!

Porque se asumimos o poder da nosa elección como consumidoras, poderemos atacar a engrenaxe do capitalismo, ese sistema que concentra beneficios a costa da apropiación de recursos, o emprego precario e o traballo gratuíto das mulleres.

Hoxe estamos na rúa visibilizando o que fica oculto nas nosas casas, esixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, esixindo que se recoñezan os coidados como un ben social.

As galegas sairemos á rúa hoxe, o 8 de marzo e todos os días que faga falta! 

Porque temos a forza para conquistar un mundo, porque
SEN COIDADOS NON HAI VIDA. PORQUE MUDANDO O SISTEMA, DERRUBAREMOS O PATRIARCADO!

 

Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política. ACEPTAR

Aviso de cookies
Facebook
Twitter
Instagram