Manifesto de Galegas 8M para o Día das Mulleres 2019

POR TODAS AS MULLERES, POR TODOS OS DEREITOS: REVOLTA FEMINISTA!

manifesto galegas8m

Benvidas, mulleres! Benvidas, compañeiras! Benvides todes es que facemos parte desta revolta, deste movemento imparábel que é o feminismo.

Ateigamos Lugo en sororidade con todas as mulleres que neste 8 de marzo faremos folga en todo o mundo! Lembremos, irmás, como no 2018 fixemos historia: milleiros de galegas sumámonos ás mobilizacións e ao paro internacional de mulleres, demostrándolle ao patriarcado que se as mulleres paramos, o mundo para! E hoxe, continuamos aquí, loitando por todas as mulleres e por todos os nosos dereitos. Porque hoxe é unha xornada de loita, unha mostra da nosa forza e determinación para conquistarmos un futuro digno para todas! Porque todas temos voz e todas somos necesarias! Porque cando a inxustiza é lei, a revolta feminista é unha obriga!

En marzo de 1918, hai máis de cen anos, as nosas irmás ergueron unha revolta polo pan, pola terra e pola vida digna na Galiza, combateron ao berro de “Temos Fame. Abaixo os acaparadores!” a quen onte coma hoxe explota á nosa clase e expolia a nosa terra.  Hoxe recollemos o seu legado, a súa loita contra os tiranos que é tamén a nosa, e reivindicamos a nosa revolta coma filla daquela, co empeño de manter acesa a revolución que as mulleres construímos contra o patriarcado, o capitalismo, o racismo e todas as formas de explotación. E neste 8 de marzo millóns de mulleres en todo o mundo secundaremos a folga laboral, estudantil, de consumo e de coidados:

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para esixir un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas, e que esté dotado de recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos reais e eficaces. Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas. Queremos parar de contar cantas teñen que denunciar e cantas non o fan, cantas son as acosadas, as humilladas, as calumniadas, represaliadas ou xulgadas elas en vez dos agresores. Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo este terror só vai rematar o día que acabemos con el.

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para que os coidados sexan asumidos polo conxunto da sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados! Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias.

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para demandar unha reforma laboral con perspectiva social e de xénero que erradique a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero, o teito de cristal, a división do traballo, o chan pegañento e a feminización da pobreza. Porque as dobres xornadas non se erradican con declaracións nin con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque hoxe as mulleres máis novas están condenadas ao traballo escravista, parcial e precario, á exclusión social e á pobreza, ou a emigraren para buscar unha saída; e as maiores están abocadas ao abandono, a soidade, sen recursos nin comunidades que as sustenten. Porque estamos fartas de percibir as pensións máis baixas do estado, unhas pensións de miseria, que nos obrigan a sufrir pobreza na vellez.

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para esixir un ensino público, galego, de calidade, igualitario e non sexista; no que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os currículos, materias e actividades, e no que exista unha educación afectiva e sexual dende a primeira infancia e adaptada a todas as idades, que propicie o desenvolvemento libre e saudábel da propia sexualidade, a normalización e a celebración da diversidade, e que erradique o machismo e a misoxinia desde a súa raíz!

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para que que os poderes públicos se involucren nunha loita real contra o abandono e destrución do meio rural, e para nos relacionar co medio e co consumo de forma radicalmente diferente e sustentábel. Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla ou tripla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén unha fonte de sustento para todas que o poder condena á morte. Porque precisamos a soberanía alimentaria para transformarmos o mundo e porque debemos rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque somos diversas: Somos migradas, xitanas, con diversidade funcional e racializadas. Mulleres de todas as idades. Lésbicas, trans, bisexuais, inter, queer, hetero…E o patriarcado capitalista instrumentaliza esa diversidade para nos dividir, para nos desartellar con violencias e discriminacións específicas, e para impedirnos avanzar a todas cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque sobre as mulleres migradas recae a violencia dunha Lei de Estranxeiría criminalizadora e mercantilista, ademais da represión atroz dentro e fora das fronteiras. Represión que se materializan en sistemas de vixilancia, nas devolucións “en quente”, nas redadas racistas, nos Centros de Internamento de Estranxeirxs e nos voos de deportación forzosa. Porque o racismo e o colonialismo seguen a impregnar todas as esferas sociais, subordinando os corpos e identidades non brancas, explotándonos e facéndonos cidadás de segunda clase. Porque as mulleres en situación de empobrecimento e exclusión resistimos ao embate dunhas políticas sociais inexistentes ou nefastas, con instrumentos que afondan no control social, na estigmatización da pobreza e en culpabilizarnos por un problema estrutural: poñer as vidas e a satisfacción de necesidades ao servizo dos intereses do mercado. Porque son esas mulleres as que soportan co seu traballo precario a “liberación femenina” daquelas mulleres mais privilexiadas que aínda poden xogar a ser princesas, señoras respetábeis e feministas de efeméride.

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque queremos visibilizar e lexitimar a diversidade identitaria, de xénero e sexual da cultura xitana; pra elo é necesario un cambio estratéxico que empodere ás mulleres xitanas e acabe coa presión transversal, clasista e racista. Porque queremos ser artífices do noso propio cambio e xunto ao movemento feminista defender os nosos lexítimos dereitos. Polas mulleres xitanas libres: Opre Romnia!

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque o menosprezo, a humillación, as agresións, a discriminación laboral, a patoloxización e as violencias médicas baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. Porque todas as feministas esiximos a despatoloxización das persoas trans e intersex sen ambigüidades, á vez que rexeitamos a transfobia, a difamación e os intentos de exclusión das mulleres trans e intersex, que xa formamos, e sempre formaremos, parte dos feminismos.. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo sen violencias.

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo porque as mulleres con diversidade funcional están dobremente expostas á discriminación (por razón de xénero e diversidade), afectadas por índices de paro aínda máis elevados, e moito máis expostas, se cabe, á pobreza, aos abusos, á violencia e á precariedade.

Facemos folga de mulleres este 8 de marzo para que os poderes públicos se involucren nunha loita real, contra a industria da trata, porque as mulleres explotadas polas mafias sofren a expresión mais extrema e cruel da alianza entre patriarcado, capitalismo e colonialismo; porque non as vamos invisibilizar, non as vamos esquecer!

Por todo isto, as mulleres saímos á rua hoxe e seguiremos saíndo cada 8 de marzo. Porque só así seremos capaces de construír unha Galiza, un mundo, e unhas vidas xustas, igualitarias e libres para todas! E seguiremos revoltándonos polas nosas vidas e polos nosos dereitos, até que todas sexamos libres! Por nós e por todas as que non poden facela. Polas que non paran nunca porque nin tan sequera teñen o privilexio de poder parar. Por todas aquelas que teñen pendurado un mandil na casa. Hoxe, en Lugo, xuntas, berramos por todas, paramos por todas:

Abaixo o cisheteropatriarcado capitalista e colonial! Viva a forza transformadora das mulleres e do movimento feminista! Viva a folga de mulleres laboral, estudantil, de consumo e de coidados! Viva a folga internacional das mulleres do 8 de Marzo!

Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política. ACEPTAR

Aviso de cookies
Facebook
Twitter
Instagram