SEN COIDADOS NON HAI VIDA

Porque o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida.

Hai tres anos xurdiu a idea de repensarmos o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Con estes obxectivos e a través de convocatorias e xuntanzas abertas en distintas cidades, vilas e aldeas de todo o país, diversos colectivos feministas e mulleres individuais de toda Galiza tecemos rede e comezamos a traballar na organización dunha mobilización nacional, que fose quen de unir á diversidade do feminismo galego baixo o paraugas da Asemblea Galegas 8M.

Así chega Galegas 8M. Formada non só por mulleres que nacemos nesta terra, senón polas que estamos vinculadas a ela dun xeito ou doutro. As que a sentimos como propia, as que vivimos, traballamos e transitamos nela e por iso, todas temos o mesmo nivel de participación e decisión.

Tras a convocatoria do 2018 en Vigo e no 2019 en Lugo, este ano repetimos a aposta pola descentralización do movemento feminista, por saír das nosas zonas de confort e achegármonos as realidades que son tamén parte da nosa terra. Así, o vindeiro 1 de marzo Verín será a capital do feminismo galego. A través desta convocatoria solidarizámonos coa loita exemplar que desempeñaron as compañeiras de Verín fronte a privatización e precarización dos servizos públicos de saúde, denunciando a violencia institucional que exerceron durante meses contra as mulleres da comarca, pechando a sala de partos e as urxencias pediátricas; obrigando ás nais e ás crianzas neonatas a desprazarse ao hospital de Ourense, por mor dunha decisión patriarcal baseada en criterios políticos e económicos.

O feminismo galego desbordará Verín para celebrar o anuncio de reapertura do paritorio de Verín e do servizo de Urxencias Pediátricas grazas á loita e do compromiso de colectivos feministas, do persoal sanitario, das asociacións de mulleres, das organizacións sindicais, e da morea de veciñas que participaron durante varios meses en mobilizacións e peches denunciando a violencia obstétrica. Estaremos vixiantes, porque o que aconteceu en Verín pode repetirse en calquera outra zona do país.

Amosaremos a nosa capacidade para espallar a loita feminista e xuntar forzas dando visibilidade á ampla rede de mulleres galegas que traballan arreo e de forma continuada na defensa dos nosos dereitos nos distintos eidos da sociedade. Esta manifestación de loita feminista fai parte do traballo mobilizador e axitador para acadar que o día 8 de marzo sexa unha nova data de reivindicación, combate e loita en toda a Galiza.

En 2018 e 2019 participamos na Folga Internacional de Mulleres (de coidados, laboral, estudantil e de consumo) do 8 de marzo, impulsamos unha folga feminista que baleirou miles de centros de traballo, de aulas e de fogares no noso país. Desbordando rúas e prazas con milleiros de mulleres demostrando que cando as mulleres paramos o mundo para. Este ano 2020 consideramos que é necesario pór o foco da atención nos eixos nos que atopamos máis dificultades para levar a cabo a folga: os coidados e o consumo. Así, acordamos non convocar folga para o vindeiro 8 de marzo e facer unha aposta polo debate e mobilización social. Poñemos os coidados no centro das nosas reivindicacións tanto da mobilización nacional do 1 de marzo, como nas locais do vindeiro 8 de marzo.

Porque o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida. Visibilizaremos o que está invisibilizado. Porque a meirande parte do traballo dos coidados realízase sen remuneración algunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes de saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras. Cando estes traballos son remunerados realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como económicamente.

Denunciaremos que non é posíbel compatibilizar os coidados dentro dun sistema capitalista que se rexe por unha lóxica de mercado. Que a crise económica está a ser utilizada para reprivatizar a reprodución social reducindo gasto público en servizos de coidado, sanitarios e educativos, facendo que regresen ao fogar.

Estamos fartas de que o traballo no fogar, nas terras, e nos coidados funcione como amortiguador dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas. Porque debe existir unha demanda social para darlle valor aos coidados, por permitirnos exercelos cando así o decidimos e en favor de políticas públicas de coidado que permitan a súa redistribución. Ampliando as posibilidades das persoas para elixir o modo de organizar socialmente o coidado e atendendo as particularidades das galegas que vivimos en entornos rurais, cada vez máis envellecidos, con malas conexións ás cidades e vilas que é onde se centralizan os servizos sociais e de atención á saúde.

Somos conscientes de que o 8 de marzo debe ser un día de reivindicación e loita, por iso centraremos o noso discurso sobre cal é a situación do sector dos coidados, contemplándoo con amplitude, tanto no eido remunerado como no non remunerado. Centrarémonos no traballo dos coidados para que se valore socialmente con todas as súas implicacións.

Tamén incluímos o coidado do medio ambiente e do territorio, fixando así os tres eixos de traballo da mobilización do #8m2020:

  • coidados
  • coidado do territorio
  • e consumo

Baixo o lema SEN COIDADOS NON HAI VIDA. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado denunciaremos tamén a dominación e a destrución da natureza por parte do capitalismo e do patriarcado, apostando por recuperar toda esa rede de produción, distribución e consumo ecolóxico, solidario e responsábel que durante séculos impulsaron as mulleres no rural galego, combatendo a espoliación do noso territorio, dos nosos bens naturais.

Como por exemplo a defensa das sementes, que son un ben patrimonial dos pobos ao servizo da humanidade e debemos evitar que continúen a ser roubadas pola vía das patentes que substituen as nosas variedades por variedades comerciais moitas veces híbridas e tranxénicas, promovidas por empresas multinacionais agroquímicas co apoio incondicional das administracións que enchen as suas arcas en detrimento das labregas. Ao retomarmos conciencia do poder da nosa elección como consumidoras para atacar a engranaxe sistémica do capitalismo. Ese sistema que concentra beneficios a custa da apropiación de recursos, o emprego precario e o traballo gratuito das mulleres.

Imos loitar polo que é invisíbel. Convocaremos unha xornada nacional de mobilización e de combate para sacar á rúa o que fica oculto nas nosas casas, exixindo responsabilidade social e colectiva no coidado do territorio e do medio ambiente, exixindo tamén que se recoñezan os coidados como un ben social.

As mulleres sairemos ás rúas este e todos os 8 de marzo que faga falla! Porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!

Hoxe e sempre: abaixo o patriarcado capitalista e colonial!