Punkiereteiras: de leira coas meigas feministas
‘Dende a Galiza. Ghastando pista. Cheghan as meigas feministas. Mulleres sen medo, salvaxes e bravas, das nosas vidas soberanas. Explotadas na cidade, explotadas no rural, Aquí están, As silenciadas por luitar e non calar. Pero aghora cheghou a hora e xuntas imos berrar, LUME! O noso é cousa nosa rapás. O mundo xira grazas ás nosas mans. E coas mulleres en greve faremos o mundo parar!’Punkiereteiras
É difícil recoller tan ben os sentires e as batallas que moitas levamos dentro. Desta maneira tan poderosa participaban As Punkereiteiras na canción “Yo por ellas, ellas por mi”. Un traballo colectivo a nivel estatal que se converteu case no himno da folga 2018 e que acompañou musicalmente as mobilizacións do 8M do pasado ano. Un temazo no que colaboraron Mc Machete e Ganga Dj (Tremenda Jauría), Bárbara e Vera (Mafalda), La Basu, Gemma Polo (Roba Estesa), Tribade, Kumbia Queers, Viruta e La Terrorista del Sabor.
Despois desa xornada histórica para o feminismo, as mulleres galegas seguimos loitando contra o patriarcado diariamente, contra a desigualdade que provoca e contra as diferentes formas de violencia que exerce. Son tempos nos que o machismo se rearma co amparo da xustiza e nos que a extrema dereita non deixa de medrar coa complicidade dos medios de comunicación. Momentos decisivos nos que non podemos dar nin un paso atrás. A poucos días das xornadas de mobilización, Galegas8m conversa coas Punkiereteiras para que nos conten como viviron aquelas xornadas de loita e que foi para elas ese 2018. Un ano denominado por moitos medios como “o ano do feminismo”:
· Como xurdiu esa colaboración para o tema “Yo por ellas, ellas por mi” e que significou para vós?
Pois a verdade é que recibimos esta fermosa proposta a través das impulsoras, as integrantes de Tremenda Jauría, coas que forxamos amizade a raíz do concerto que deran no CSOA Escarnio e Maldizer alá polo ano 2015.
Por unha banda, sentímolo como unha oportunidade única, xa que suporía aportar o noso gran de area a unha iniciativa feminista internacional, con grupos referentes para nós, cunha ampla bagaxe musical, e mediante o que se poría de manifesto a transversalidade e universalidade da luita feminista a través do berro conxunto ‘se nós paramos, o mundo para’.
Puxémonos mans a obra todas xuntas para argallar que facer e como. Sacabamos tempo dos ensaios xerais para levar diferentes propostas, escoitarnos e decidir colectivamente a opción que considerabamos máis axeitada.
Con relación á esfera ‘musico-técnica’, supuxo todo un reto, xa que nin era o estilo que adoitabamos cantar, nin tiveramos gravado nunca antes nun estudo. Para a nosa sorpresa, foi un éxito! Tanto, que collemos forzas para ir gravando aos poucos, unha maqueta nosa.
A comunicación co resto de grupos non só fluíu estupendamente, dando pé a tecer redes entre nós, senón que ademais xurdiu a proposta de participar no documental ‘Las que faltaban’ dirixido por Vera, unha das integrantes de Mafalda, no que se pon de manifesto o ‘machunos’ que son na actualidade os circuítos musicais.
· Aquí na Galiza tamén tivemos o noso propio himno coa marabillosa creación colectiva do Verdegaio Lilá. Que sentistes cando centos de mulleres cantamos esa canción ao rematar a manifestación en Vigo o pasado 4 de marzo?
Moitísma emoción, pero esa emoción durou dende o minuto un, cando comezamos a falar de como facer a canción, de barallar os posibles temas que podiamos usar ou cando comezamos a escribila. Xuntarnos e falar con outros grupos de mulleres de Galiza coma o noso e tecer esas redes tan bonitas e fortes é algo que non ten prezo.
Logo xa cando a canción comezou a espallarse polas redes, e nos chegaba por todos os grupos de whatsapp, en videos,… ata nos chegou a escribir unha moza galega de Arxentina que lla enviara unha colega súa dende Londres, e que se emocionara moito co tema… E xa o día da mani en Vigo, con todas as mulleres cantandoa, a batukada… Para nos foi algo insuperable.
· A música posúe un potencial revolucionario moi importante polo capacidade de nomear cousas que moitas veces queren ser silenciadas e por difundir ideas dunha maneira máis directa e poética. Credes que as músicas estades nunha posición especial para exercer certa influencia social co voso traballo?
Sen dúbida, cando tes un micrófono ou un espazo no que hai xente que está alí para escoitar/ver o que fas, tes unha responsabilidade, e tamén supón unha oportunidade única para dar un pouco de caña.
Nós, polo menos, así o sentimos. Nacemos pola necesidade que tiñamos como feministas, galegas e do rural, de achegar e compartir este discurso con persoas e espazos diversos. Dende o local, intentando espallalo por tódolos recunchos da Galiza e do estranxeiro.
· Que papel credes que xoga a música na loita e no activismo? Preocúpanvos as “mordazas” do Estado?
É certo que o panorama actual é desolador. Xogan co medo e quérennos o máis alienadas posible, caladas, submisas e individualizadas.
O que non saben, ou si e por iso atacan, é que o movemento feminista é cada vez máis sólido e que non imos dar nin un paso atrás. Estamos organizadas, polo tanto a sensación de medo dende o colectivo e sabendo que non estamos soas, é moito menor.
No noso caso concreto, as mordazas que nos quixeron por, foron máis ben por parte de espazos nos que conviviamos cos típicos ‘machistas de esquerdas’. Porén, lonxe de ternos amedrentado, as nosas alianzas fixéronse máis fortes, reafirmándonos aínda máis do necesario que era continuar unidas e organizadas.
· Cales son as vosas influencias e que cousas vos inspiran para compoñer as vosas letras? Faládenos un pouco do voso proceso de creación.
Pois todas as mulleres bravas e fortes que hai ó noso redor, dende as nosas nais, irmás e colegas que nos acompañan sempre e están nos nosos concertos, ata todas as artistas que antes ca nos se subiron os escenarios e compartían as nosas mensaxes, identidades, lingua… coma Ses, Mercedes Peón ou as Habelas Hainas entre outras moitas.
· Semella que Ponteareas é un berce de activismo e loita feminista: o Festival das Brétemas, As Punkiereteiras, Flow do Toxo. Non credes que é un bo exemplo para demostrar que non todo o importante acontece nas grandes cidades?
En Ponteareas facemos o que podemos, coma en todos lados, supoñemos (heheh). Si que é certo que contamos cunha rede social de apoio diversa e moi cañeira a través da cal tentamos construír alternativas de vida dende a colectividade.
Ponteareas bebeu durante demasiados anos dun fascismo que aínda a día de hoxe continúa a manifestarse e contra o que loitaron moitas organizacións veciñais e colectivos de diversa índole.
Quizais nós medramos nun contexto onde aprendemos a ‘coller a xustiza pola man’, coma xa defendía a nosa gran referente Rosalía e tentamos transgredir a esa hexemonía patriarcal e fascista dende o humor, a retranca e a música. Non facemos nada novo, continuamos o que moitas comezaron tempo atrás.
· A tradición e o rural, desde unha perspectiva feminista, están moi presentes no voso traballo. Que papel pensades que xogaron as mulleres neses grandes temas e que herdades vós delas?
Elas son as transmisoras da nosa cultura, lingua e sabedoría popular, as que sustentan as nosas vidas. Son as que plantaron as sementes que aghroman na terra da retranca e da regueifa.
Elas son as que merecerían recoñecementos en tódolos ámbitos sociais. Sempre na sombra das luitas, nas trincheiras do cotiá. Son as que agharran o que teñen a man para darlle ritmo a aquilo que lle sae de dentro, dende as entrañas. Utilizan o cotiá coma ferramenta, coma instrumento musical e político.
E nós, facemos o que podemos con todo isto. Tentamos aprender delas, ser autodidactas, tirar pa diante e facer o que nos presta, dende a admiración e o respecto.
· Como está o panorama musical galego desde o punto de vista de xénero? Fica moito por facer? Semella que unha Punkiereteira se colou no cartaz este ano do Festival de Ortigueira.
Pese a que cada día hai máis mulleres nos escenarios, continuamos a ser unha gran minoría.
O circuíto musical galego e en xeral e todos lados, é moi ‘machuno’, xerándose por tanto dinámicas nas que en moitos casos non nos sentimos nin cómodas nin coidadas e temos a sensación de ser a ‘cota’ de mulleres, o ‘toque lilá’. Non somos consideradas músicas nin respectadas do mesmo xeito que o son os grupos de tíos.
Sumado ao feito de sermos todas mulleres, tocamos instrumentos tradicionais como pandeiretas, tamboril, gaita, bohdram ou peitoques, polo que nalgunhas probas de son, o hándicap é dobre. Por exemplo, os circuítos dalgún dos festivais ou salas onde nos movemos están copados por grupos onde predominan instrumentos eléctricos, cuxo status social é maior que o dos instrumentos tradicionais. Este feito implica que nalgún caso as nosas probas de son non as tomen en serio ou incluso nos falten ao respecto.
En xeral consideramos que o panorama musical galego precisa unha transgresión radical de roles. Os que actualmente parten o bacallao, deberían de acoller ao feminismo de xeito real e consciente. Chegado a ese punto, ‘outras ghaliñas cantarían’.
O de ‘colarnos’ no cartaz de Ortigueira foi grazas ao noso querido e gran aliado Cristian Fojón, que tanto admiramos e que lle agradecemos infinito esa fermosa homenaxe que nos fixo. Xa que non actuamos, polo menos saír no cartaz, non? (Hehehe)
· Como vivistes as mobilizacións de Galegas8m o 4m en Vigo e o 8m en Ponteareas? Como imaxinades que serán as mobilizacións este 2019?
Pois foi algo apoteósico, ningunha de nós contaba con tantas compañeiras, polo menos en Ponteareas, a cal sen dúbida, foi unha das concentracións mais multitudinarias.
Vivímolo cunha grandísima emoción xa que mulleres de toda a vila estaban alí con nós berrando por un ben común, berrando polo feminismo. Foi unha concentración excepcional. Foi a confirmación de que o feminismo chegou para quedar.
Este ano, esperamos e desexamos, que sexa aínda máis multitudinaria.
Pensamos que o medo ós paróns é agora menor, pois cada vez anímase máis compañeiras a secundar a folga.
Aínda queda muito traballo por facer, e estamos no camiño acertado.
As asembleas son cada vez máis potentes, e os colectivos nacen por todo o país.
Unhas animamos a outras e isto é imparable, xa que, cando as mulleres confluímos xuntas, todo e máis fácil.
Canto feminista e Nós parimos, nós decidimos