O feminismo galego tomará as rúas este 8 de marzo

Galegas 8M sairá á rúa baixo o lema: SEN COIDADOS NON HAI VIDA.
Galegas8m_Verin2020_SenCoidadosNonHaiVida
Manifestación Galegas8m Verín 2020

Vai para catro anos que naceu Galegas 8M coa idea de replantexarnos o 8 de marzo en clave galega, diversa, inclusiva e horizontal. Dende entón, tecimos unha tea feita de xuntanzas e actividades abertas, que hoxe en día chega a moitas cidades, vilas, aldeas e lugares do noso país.

Fomos quen de harmonizar sinerxías e xuntar a múltiples e diversos colectivos feministas e mulleres individuais de toda Galiza. E desde o 2018, cada 8 de marzo, as rúas, estradas e corredoiras tremen. E o país enteiro tínxese de lilá elevando a voz do feminismo.

Atopámonos agora con unha nova realidade. A situación actual obríganos a repensar as nosas accións e xeitos de facer e organizar. Mais, pese a todas as restricións e limitacións, o movemento feminista galego non vai ficar calado, nin os problemas das mulleres confinados tras as portas.

O lema e eixo que priorizamos o pasado ano revelouse como irrrefutábel. As nosas reivindicacións son máis urxentes que nunca e é por iso que decidimos insistir neste ano que SEN COIDADOS NON HAI VIDA.

Consideramos imprescindíbel a mobilización de rúa e que as reivindicacións do feminismo sexan desde xa prioritarias á hora de afrontar a actual realidade social para seguir esixindo que a vida está no centro e urxe que se lle dea o valor real a estes traballos. Amosaremos novamente a nosa capacidade para espallar a loita feminista e dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas que traballan arreo e de forma continuada na defensa dos nosos dereitos nos distintos eidos da sociedade.

E a folga qué?

Se durante os anos 2018 e 2019 fixemos parte do Paro Internacional de Mulleres (de coidados, laboral, estudantil e de consumo) do 8 de marzo, impulsando unha folga feminista que baleirou miles de centros de traballo, de aulas e de fogares no noso país, desbordando rúas e prazas con milleiros de mulleres, demostrando que cando as mulleres paramos o mundo para; este ano 2021 consideramos que é necesario voltar pór o foco de atención no eixo no que atopamos máis dificultades para levar a cabo a folga, pero máis afectado na situación actual: os coidados.

É por iso que acordamos convocar folga de mulleres de 24 horas para o vindeiro 8 de marzo, poñendo os coidados no centro das nosas reivindicacións.Porque o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida. Visibilizaremos novamente o que está invisibilizado.

Porque a meirande parte do traballo dos coidados realízase sen remuneración algunha, pese a que a gratuidade do seu labor aforra custes ao sistema: a saúde, coidado de crianzas, do fogar, das persoas con dependencia, da labranza das terras… E cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente.

Sen coidados non hai vida!

Denunciaremos que non é posíbel compatibilizar os coidados dentro dun sistema capitalista que se rexe por unha lóxica de mercado. Que a crise económica dos últimos anos foi e está a ser utilizada para reprivatizar a reprodución social, así, tras os recortes no gasto público, en servizos de coidado, sanitarios e educativos, lograron que unha parte deles regresaran ao fogar recaendo máis unha vez sobre nosoutras. Que a xestión da crise sanitaria descansou tamén sobre as mulleres e a día de hoxe    un número elevadísimo de mulleres víronse na necesidade de deixar os seus empregos e a súa independencia económica para poder sobrevivir, porque reiteramos SEN COIDADOS NON HAI VIDA.

Porque estamos fartas de que o traballo no fogar, nas terras, e nos coidados funcione como un amortiguador dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas.

Porque debe existir unha demanda social por darlle valor a este, por permitirnos exercelos cando así o decidimos e en favor de políticas públicas que permitan a súa redistribución; ampliando as posibilidades das persoas de elixir o modo de organizar socialmente o coidado; atendendo as particularidades das galegas que vivimos en entornos rurais, cada vez máis envellecidos, con malas conexións ás cidades e vilas que é onde se centralizan os servizos sociais e de atención á saúde.

Seguimos en loita

Somos conscientes de que o 8 de marzo debe ser un día de reivindicación e loita, por iso centraremos o noso discurso sobre cal é a situación do sector dos coidados, contemplándoo con amplitude, tanto no sector remunerado como no non remunerado. Centrarémonos no traballo dos coidados para que se valore socialmente, con todas as súas implicacións.

As mulleres sairemos ás rúas este e todos os 8 de marzo e ocuparemos o espazo público en columnas porque tamén as mobilizacións deben reinventarse nos tempos nos que a vida toda debe reinventarse, sinalaremos que esta crise sanitaria non pode pagarse coas nosas vidas e o noso traballo, pago ou non pago.

E chamamos a quen non poda estar no espazo público a encher os balcóns de reivindicación e loita feminista. Porque temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario. Porque o noso camiño cara a eses obxectivos foi, e será sempre, continuar sendo insubmisas, rebeldes e loitadoras!

Hoxe e sempre abaixo o patriarcado capitalista e colonial!