LUGO convertirase na capital do feminismo galego acollendo a manifestación unitaria o vindeiro 3 de Marzo de 2019

  • A plataforma Galegas 8M, que aglutina a decenas de colectivos feministas, fixou a convocatoria de manifestación feminista unitaria para o domingo 3 de marzo de 2019 en Lugo.
  • As organizadoras volverán a coordinar rutas de transporte colectivos dende diferentes localidades cara a Lugo.
  • O propio 8 de marzo convocarase de novo a Folga de Mulleres nos eixos laboral, estudantil, de coidados e de consumo.

Galicia, 16 de xaneiro de 2019.- A asemblea de colectivos feministas Galegas 8M vén de confirmar a convocatoria da manifestación unitaria con motivo do Día da Muller e da Folga Feminista. Desta volta, e retomando o obxectivo de facer unha convocatoria itinerante, decidimos fixar a convocatoria para o domingo 3 de marzo de 2019 na cidade de Lugo.

Tras o éxito da convocatoria do ano pasado en Vigo e da Folga de Mulleres do propio 8 de marzo, a plataforma Galegas 8M retomou a súa actividade cara á organización da manifestación unitaria de 2019. Tras as dúas primeiras asembleas, celebradas respectivamente en Cambre (22 de decembro) e Allariz (12 de xaneiro), acadamos os primeiros acordos, entre os que destacamos a elección do lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista”, a maiores da elección do día e lugar da convocatoria.

Os distintos grupos de traballo están a desenvolver todo o necesario para que a convocatoria de Lugo teña toda a forza do feminismo galego. A asemblea informará puntualmente de todo o que poida resultar de interese a través das súas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram). Convidamos a todas as mulleres que queiran participar na organización que contacten connosco a través destes medios ou ben escribindo ao mail da plataforma: 8m2018@gmail.com

Xuntanzas locais para a organización da Folga do 8M

En canto á Folga de Mulleres do 8 de marzo, organízase a nivel local, para o cal están a convocarse asembleas e xuntanzas abertas en diversas localidades do país, como Ferrol, Burela, Compostela, Coruña, Vigo, etc. De novo, convidamos ás interesadas a seguir a información sobre estas convocatorias nas nosas redes.

Acerca de Galegas 8M

A Asemblea Galegas 8M formouse en decembro de 2017 co obxectivo de reflexionar e a traballar nun Día das Mulleres a nivel galego que sexa o máis diverso, horizontal e inclusivo posible. Esta asemblea está formada por decenas de colectivos, plataformas e organizacións feministas e mulleres a título individual e ten carácter itinerante, realizando as súas xuntanzas en distintos puntos da xeografía do país.

#Galegas8m
#FolgaFeminista
#FolgaDeMulleres

Write a Reply or Comment

Your email address will not be published.