Folga no ámbito laboral

As mulleres galegas e o mundo laboral

  • As mulleres acceden de xeito desigual ao mercado de traballo, os seus salarios, as xornadas que realizan, as súas categorías, e mesmo as posibilidades de promoción son diferentes en función do seu xénero.
  • Nos sectores nos que as mulleres predominan os salarios son máis baixos que naqueles nos que os homes teñen unha presenza maioritaria.
  • Á desigualdade e invisibilidade históricas que soportan as mulleres, sumouse a discriminación laboral e social incrementada debido á situación de crise económica que atravesamos, pero aínda máis, por mor das medidas que supostamente foron deseñadas para paliala.
    • Nun inicio, tras a posta en marcha de medidas destinadas á promoción da ocupación masculina, e logo polos recortes no gasto público (cun gran impacto nas mulleres dada a nosa presenza no sector público, que fai que sexamos as principais afectadas pola redución de salarios e a eliminación de emprego).
    • Cunha reforma laboral que precarizou aínda máis as condicións de traballo (abaratando e facilitando o despedimento, reducindo os custos laborais, promovendo a temporalidade, desaparecendo garantías laborais, desarticulando a negociación colectiva, privatizando a inserción laboral).
    • Cunha reforma das pensións que afecta singularmente ás mulleres (tanto pola súa concentración na economía informal, como polas interrupcións da vida laboral para o coidado das crianzas e familiares dependentes, tópanse con maiores atrancos á hora de acadar a cotización esixida.
    • Coas medidas dirixidas para mellorar a empregabilidade da mocidade (pero que o que fixeron foi impulsar aínda máis a temporalidade e precarizar o emprego das mozas a través de figuras como o contrato lixo)
    • Coa eliminación da retroactividade para as persoas beneficiarias das axudas á dependencia, ou cunha reforma do réxime de empregadas do fogar que perpetúa a discriminación dunha actividade historicamente feminina que segue a desenvolverse en pésimas condicións.
    • Mais tamén por mor das políticas levadas a cabo polo goberno do PP en Galiza, quen desde a súa chegada á Xunta puxo en marcha o desmantelamento dos servizos sociais públicos, mais non tiveron reparo en financiar con cartos públicos a un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista, no marco dunha lei –a de familia- que cousifica a muller e que pretende devolvela ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar fogar tradicional.
  • Para as nosas labregas, mariñeiras, mariscadoras, gandeiras a enorme división do traballo no mundo multiplícase, e onde as explotacións e a casa estan xuntas as mulleres levan todo o peso do fogar, os coidados, os maiores e a súa xornada laboral na explotación. A dificuldade que supoñen estes traballos como sustento económico da vida unidos a unha crecente merma dos servizos públicos provoca que o éxodo do noso rural ás cidades continúe medrando.
  • Para as mulleres inmigrantes na Galiza todas as situacións de precariedade e explotación multiplícanse. O acceso ao traballo vese limitado por leis de extranxería infames que provocan precariedade e explotación e abren apenas as posibilidades de emprego nos sectores máis desvalorizados como son o fogar e sobre todo no ámbito dos coidados.
  • A situación laboral das mulleres galegas golpea con forza a aquelas que emigrancomo consecuencia do empobrecemento da nosa terra e a nosa economía por políticas neoliberais. Emigraron masivamente moitas das nosas avoas e das nosas nais, mentres outras mantiveron familias e casas mentres emigraban os homes; e agora emigramos as netas. O deterioro laboral que sufrimos fai que moitas mulleres galegas non poidan vivir no seu fogar e teñan que buscar o sustento fóra do noso país.

Por que convocamos folga laboral?

  • Como resposta á fenda salarial que en Galiza é do 23%
  • Porque as mulleres teñen de media uns ingresos equivalentes ao 77,7% dos ingresos dun home, cando no 2009, coindicindo co estourido da crise, a porcentaxe era do 76,9%. Este achegamento débese á perda de ingresos dos homes durante este período, non por unha mellora nos ingresos das mulleres.
  • Porque o salario medio anual das mulleres en Galiza é de 15.730€ cando o dos homes é de 20.243€
  • Porque a ocupación medra onde baixan os salarios, o cal fai aumentar a desigualdade e a pobreza
  • Como resposta ao chan pegañento ou o teito de cristal que impide promocionar ás mulleres
  • Aos atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, que converten a Galiza na segunda comunidade do estado que máis demandas laborais presenta en relación con concrecións horarias de redución de xornada, permisos de lactación e por denegación de prestacións por risco no embarazo, acolléndose de xeito maioritario a solicitudes de excedencia por coidado
  • Porque as súas xornadas son maioritariamente parciais e os seus contratos temporais, o cal afecta aos seus salarios, á súa cotización e merma a posibilidade de acceder a unha xubilación digna
  • Porque as mulleres seguen a ser obxecto de agresións sexuais, na rúa, no lugar de traballo, sen que se adopten medidas urxentes que garantan a súa integridade
  • Porque de nada serve aprobar protocolos de prevención e actuación ante o acoso, ante a violencia machista, ou planes de igualdade de oportunidades se estes son baleiros de contido, se non identifican as discriminacións, se non mudan o status quo.
  • Porque é preciso amosar en todos os centros de traballo o contributo que fan as mulleres. A súa situación de desvantaxe. As discriminacións que sofren.
  • Convócase tamén para esixir a derrogación de todas as leis e reformas lexislativas (reformas laborais, reforma das pensións, etc), porque se teñen demostrado que perpetúan a vulneración dos dereitos que sofren as mulleres.
  • Porque esiximos que os permisos se equiparen para lograr corresponsabilidadee polo tanto suplir este desequilibrio.
  • Porque soportamos o maior índice de paro, cun 58% de mulleres paradas nos últimos meses de 2017.
  • Porque as pensións das mulleres en Galiza son de media uns 346€ euros menores que as dos homes, sendo nelas frecuentes as pensións non contributivas, pese a ter contribuído na riqueza do país tanto como os homes.
  • Porque as mulleres divorciadas con crianzas a cargo comezan a ser o perfil maioritario na atención dos servizos sociais.
  • Porque a sobrecarga de traballo das mulleres que teñen un traballo fóra do fogar e enorme. Maioritariamente a xornada é dobre ou triple. Traballo fóra e dentro do fogar. Os coidados e o traballo doméstico deben darse dentro da corresponsabilidade de mulleres e homes e das administracións.
  • Porque as xornadas a tempo parcial son ocupadas nun 90% por mulleres, sendo os motivos maioritarios no caso de ser por elección, para atender a familiares. Só un 3% dos homes solicitan este tipo de xornadas por estes motivos, sendo a maioría por motivos de estudos ou profesionais. As excedencias por coidado de familiares son femininas maioritariamente (88%), así como as reducións de xornada por motivos familiares. Todos estes factores deterioran o noso campo laboral e lastran a nosa carreira profesional, non ocorrendo isto cos homes, que non asumen as cargas familiares que lles corresponden e progresan laboralmente.
  • Porque os traballos “feminizados” sempre son os peor pagados e máis precarizados e moitas veces subalternos aos desempeñados por homes (empregadas fogar, enfermería…etc).
  • Porque o caso das mulleres migrantes a precariedade é total asumindo maiormente traballos de coidados e de empregadas do fogar en situacións de desprotección e explotación total.
  • Porque, en definitiva, ás mulleres sóbrannos as razóns para secundar a folga!

Que significa unha folga laboral?

Unha folga laboral é a ferramenta que dispón a clase traballadora para exercer presión nas negociacións coa patronal, para obter unha mellora nas súas condicións laborais, na reclamación dos seus dereitos. Consiste en negarse a realizar de xeito total ou parcial o traballo que teñen encomendado.

Para que sexa oficial debe estar comunicada por parte da organización sindical convocante, formalmente á patronal e á autoridade laboral, cunha antelación de dez días, indicando, no caso dunha folga xeral coma esta, que afecta tanto a empresas como a administracións e organismos que prestan actividades e servizos esenciais para a comunidade.

Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política. ACEPTAR

Aviso de cookies
Facebook
Twitter
Instagram