Folga de consumo

As mulleres galegas e o consumo

  • Galiza é un país periférico dunha europa dos mercados dona da maior parte das empresas que explotan mulleres e pobos ao redor do planeta, esta lóxica convirte ao noso país nun territorio explotado no que imperan as lóxicas de mercado e consumo capitalistas incompatíbeis coa vida e co planeta.
  • As mulleres galegas tamén consumimos produtos elaborados en condicións de explotación e de expolio dos seus recursos naturais en países máis empobrecidos alimentando un modelo de consumo insostíbel.
  • As mulleres reivindicamos un mundo máis xusto. O mercado en alianza co patriarcado intenta que sexamos as principais consumidoras, orientando grande parte do consumo cara nós precisamente porque deposita en nós os coidados e convertímonos en resposábeis das compras relacionadas coa sustentabilidade da vida.
  • Tamén na Galiza “ser muller é un luxo”, nen sequera no mercado capitalista as mulleres temos igualdade cos homes. Os productos claramente orientados a que os consuman mulleres teñen un sobreprezo. A chamada “taxa rosa” e a productos socializados como de primeira necesidade para nós como son compresas, tampóns…aplícaselles un IVA dun 21%, igual que aos productos de luxo.
  • O consumo capitalista alíase co patriarcado para someternos con modelos e estereotipos imposibles de beleza que nos violentan cada día. O consumo ten asociado así un modelo estético baseado no sufrimento e a mutilación do corpo femenino, lesionando a saúde (enfermidades e transtornos alimentarios) e a autoestima (tallas e modelos únicos para realidades diversas) mesmo ata o punto de promover a mutilación dos corpos femininos coa ciruxía estética.
  • As mulleres galegas que viven da produción alimentaria vense ademáis sometidas ás lóxicas capitalistas que copan os mercados con produtos foráneos froito da explotación, prolongados transportes e dun modelo alimentario industrial que lesiona labregas fóra e dentro do noso territorio. Este modelo esta a pór en risco multitude de sectores produtores en Galiza maioritariamente formados por mulleres.
  • As mulleres galegas padecemos un modelo de consumo que atenta contra a nosa soberanía converténdonos, como a outras moitas mulleres do mundo, en explotadas e explotadoras.

Que significa unha folga de consumo?

  • Visibilizar ante a sociedade a necesidade de romper coa lóxica de consumo capitalista que reforza o sistema e por tanto a posición de desigualdade das mulleres no mesmo.
  • Visibilizar que as mulleres ocupamos un espazo importante no sector dos servizos e nos traballos máis precarizados do mercado de consumo.
  • Reivindicar que as mulleres galegas loitamos pola soberanía alimentaria dos pobos e contra o empobrecemento das mulleres en todo o planeta, e non queremos contribuír á explotación de ningunha persoa, nen no noso país nen en ningún outro a través do noso modelo de consumo.

Como facemos folga de consumo?

  • Se non demandamos consumir o 8M facilitamos a folga.
  • Non comprar durante o 8 de Marzo, isto axuda a parar a lóxica de consumo capitalista e axuda ás mulleres que queren facer folga.
  • Informar nos días previos nos comercios e tendas locais a necesidade de apoiar un modelo de consumo alternativo e sostíbel para o planeta e para xerir doutro xeito a vida das mulleres.
  • Apoiar ás compañeiras que fagan folga nos establecementos acompañando as súas reivindicacións e mobilizacións.
  • Axudando dentro do posíbel ás traballadoras a que os seus establecementos podan pechar neste día de folga.

Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política. ACEPTAR

Aviso de cookies
Facebook
Twitter
Instagram