A asemblea Galegas 8M asumimos e traballamos na Folga de Mulleres do 8 de marzo do 2019 como ferramenta para reclamar un mundo diferente no que o noso dereito a vivir unha vida digna se coloque no centro da axenda política, económica, social, educativa.
Loitaremos pola igualdade real entre homes e mulleres, pola soberanía sobre os nosos corpos e o dereito a decidir sobre eles, sobre as nosas identidades, os nosos desexos, as nosas vidas… Queremos construír unha sociedade xusta, na que se garanta a igualdade de oportunidades e dereitos, na que as tarefas de coidados non recaian sempre nas mulleres, na que as mulleres teñamos voz. Unha sociedade que non nos asasine polo feito de ser mulleres.
A loita feminista entende a necesidade inminente do cambio social, do empoderamento da muller e da erradicación de todo tipo de violencias machistas. Por estes motivos nace a convocatoria a unha Folga de Mulleres a todos os niveis: folga de coidados, folga laboral, folga de consumo e folga estudantil.
O noso obxectivo principal é facer entender a sociedade que se as mulleres paran, para o mundo; que sen todas nós, a sociedade non avanza; que todas nós merecemos os mesmos dereitos que un home. Queremos facer ver que o noso traballo, os nosos coidados e o noso consumo son necesarios, pero non deberían ser unha obriga para nós; que sen nós, falta máis da metade da poboación; que a desigualdade que sufrimos as mulleres día a día ten que chegar o seu fin; que non estamos dispostas a traballar sendo menosprezadas; que queremos xustiza!
Por un mundo máis xusto, no que non teña cabida o patriarcado, as mulleres feministas faremos folga. O 8 de marzo, Día das Mulleres e da loita feminista, amosaremos a forza que temos, todas nós xuntas, diversas e combativas.
Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política. ACEPTAR