Galiza é un país periférico dunha europa dos mercados dona da maior parte das empresas que explotan mulleres e pobos ao redor do planeta, esta lóxica convirte ao noso país nun territorio explotado no que imperan as lóxicas de mercado e consumo capitalistas incompatíbeis coa vida e co planeta.
As mulleres galegas tamén consumimos produtos elaborados en condicións de explotación e de expolio dos seus recursos naturais en países máis empobrecidos alimentando un modelo de consumo insostíbel.
As mulleres reivindicamos un mundo máis xusto. O mercado en alianza co patriarcado intenta que sexamos as principais consumidoras, orientando grande parte do consumo cara nós precisamente porque deposita en nós os coidados e convertímonos en resposábeis das compras relacionadas coa sustentabilidade da vida.
Tamén na Galiza “ser muller é un luxo”, nen sequera no mercado capitalista as mulleres temos igualdade cos homes. Os productos claramente orientados a que os consuman mulleres teñen un sobreprezo. A chamada “taxa rosa” e a productos socializados como de primeira necesidade para nós como son compresas, tampóns…aplícaselles un IVA dun 21%, igual que aos productos de luxo.
O consumo capitalista alíase co patriarcado para someternos con modelos e estereotipos imposibles de beleza que nos violentan cada día. O consumo ten asociado así un modelo estético baseado no sufrimento e a mutilación do corpo femenino, lesionando a saúde (enfermidades e transtornos alimentarios) e a autoestima (tallas e modelos únicos para realidades diversas) mesmo ata o punto de promover a mutilación dos corpos femininos coa ciruxía estética.
As mulleres galegas que viven da produción alimentaria vense ademáis sometidas ás lóxicas capitalistas que copan os mercados con produtos foráneos froito da explotación, prolongados transportes e dun modelo alimentario industrial que lesiona labregas fóra e dentro do noso territorio. Este modelo esta a pór en risco multitude de sectores produtores en Galiza maioritariamente formados por mulleres.
As mulleres galegas padecemos un modelo de consumo que atenta contra a nosa soberanía converténdonos, como a outras moitas mulleres do mundo, en explotadas e explotadoras.
Que significa unha folga de consumo?
Visibilizar ante a sociedade a necesidade de romper coa lóxica de consumo capitalista que reforza o sistema e por tanto a posición de desigualdade das mulleres no mesmo.
Visibilizar que as mulleres ocupamos un espazo importante no sector dos servizos e nos traballos máis precarizados do mercado de consumo.
Reivindicar que as mulleres galegas loitamos pola soberanía alimentaria dos pobos e contra o empobrecemento das mulleres en todo o planeta, e non queremos contribuír á explotación de ningunha persoa, nen no noso país nen en ningún outro a través do noso modelo de consumo.
Como facemos folga de consumo?
Se non demandamos consumir o 8M facilitamos a folga.
Non comprar durante o 8 de Marzo, isto axuda a parar a lóxica de consumo capitalista e axuda ás mulleres que queren facer folga.
Informar nos días previos nos comercios e tendas locais a necesidade de apoiar un modelo de consumo alternativo e sostíbel para o planeta e para xerir doutro xeito a vida das mulleres.
Apoiar ás compañeiras que fagan folga nos establecementos acompañando as súas reivindicacións e mobilizacións.
Axudando dentro do posíbel ás traballadoras a que os seus establecementos podan pechar neste día de folga.
Esta web emprega cookies. Podes ver aqui a política de privacidade. Se continuas navegando aceptas esta política.
ACEPTAR