Denuncia ante a actuación da Policía Municipal de Vigo na mañá do 8M
Dende Galegas 8M queremos denunciar publicamente o acontecido o domingo 8 de marzo de 2020 na cidade de Vigo ao dar inicio ás actividades programadas polo Día Internacional das Mulleres en base aos seguintes feitos:
Tras realizar unha acción de rúa ás 12 horas en Urzaiz, á altura da Farola, varios axentes da policía nacional e un axente da policía local, pedíronnos a autorización para facer a performance e cortar o tráfico.
Amosámoslle a comunicación feita á Subdelegación do Goberno con acuse de recibo, manifestando que non é precisa unha autorización, senón que se trata de dar unha comunicación previa tal e como establecen o artigo 3 e os artigos 8 e seguintes da LO 9/1983, de 15 de xullo, reguladora do Dereito de Reunión. Nun sistema democrático as persoas teñen dereito de manifestación, que o corpo de policía esixa unha autorización previa é un acto propio das dictaduras e revela unha mentalidade represiva e totalitaria dos seus axentes, os que deberían ter un coñecemento claro de cales son os dereitos da cidadanía.
Tras realizar as conseguintes comprobacións ante a Subdelegación do Goberno, os axentes da nacional confirman que o acto realizado foi comunicado correctamente en tempo e forma.
O axente da polícia local, cun ton desafiante e agresivo afirmou que non estabamos autorizadas para ter realizado a performance e comezou a pedir os documentos de identidade manifestando que ía denunciar e multar a algunhas das promotoras e asistentes ao acto por desobediencia.
Malia os intentos de diálogo das alí presentes para evitar un conflito innecesario e sen fundamento, o axente comezou a tomar nota dos DNI de varias mulleres mentres que, en solidariedade coas compañeiras identificadas, outras asistentes amosamos tamén a documentación. Este axente mantivo en todo momento un talante desafiante e intimidatorio, burlándose das mulleres que intentaban razonar con el e ate mostrando satisfacción ante a fustración de todas, incluídas algunhas crianzas que acompañaban ás súas nais e que choraban en resposta ao medo e ameazas coas que intentaba calarnos.
Entendemos o acontecido como unha agresión machista que non tiña outras fins que amedrentar ás mulleres que tomamos as rúas nun día histórico e limitar os nosos dereitos.
Queremos así mesmo denunciar o ataque directo ao feminismo na actuación da Polícia Local, nun intento de reprimirnos como mulleres libres e cidadás. Tentando relegarnos a unha posición cómoda que, como el mesmo indicaba, non molestara nin causara contratempos na cidade, é dicir, un movemento invisible.
Exerceuse un claro abuso de poder e un exercicio de arbitrariedade por parte do axente, que dende a súa posición de membro dos Corpos e Forzas de Seguridade intentou intimidar e coaccionar ás alí presentes, sen que ningún outro axente intervira cunha actitude mediadora para poñer fin ao ataque.
O concello de Vigo ten un problema moi grave se o seu corpo policial segue abusando da súa situación de poder para amedrentar ós movementos socias en xeral e á loita feminista en particular sen respeitos pola lei.
Dende Galegas 8M esiximos que o Concello investigue coa necesaria perspectiva de xénero o acontecido e adopte cantas medidas sexan precisas para garantir que sucesos como este non volten a ocorrer. Seguiremos denunciando as agresións ao movemento feminista e respostaremos ante calquer torpedeo institucional até que se asuman responsabilidades. Lonxe de silenciarnos continuaremos reivindicando que as rúas tamén son nosas e que a loita feminista é imparábel.