Campaña de apoios 2019: desata a túa creatividade feminista!

Hai moitas formas de participar na revolta feminista que estamos preparando para o 3 de marzo en Lugo e para o 8 de marzo nas cidades e vilas da nosa terra. Queres botar unha man dunha forma sinxela e creativa? Pois atenta, compañeira, porque lanzamos a campaña de apoios en redes sociais para este 2019. 

E vén con novidades! 

O ano pasado fixemos unha campaña de vídeos de apoio, que nos deixou moitísimas testemuñas lindas, empoderantes e cheas de ganas de loitar e berrar xuntas nas rúas de Vigo e nas convocatorias da Folga de Mulleres que se espallaron por todas as comarcas.

Este ano imos un paso máis alá e abrimos a veda á rabiosa creatividade feminista en todos os formatos! Aquí vai toda a información:

CAMPAÑA DE APOIOS 2019 

Como participar? 

Facilísimo! Dous pasiños namáis (e un de bonus): 

  1. Crea algo que recolla os teus motivos para asistir á manifestación de Lugo ou para secundar a Folga de Mulleres do 8 de marzo. O ano pasado foron vídeos, agora teñen cabida todo tipo de materiais para dar saída aos talentos de cada unha: debuxos, textos, banda deseñada, fotos ou fotomontaxes, vídeos, gifs…. o que queiras! 😉
  2. Partilla a túa creación nas túas redes sociais: Ollo! Utiliza sempre os cancelos oficiais da campaña, #3MVouALugo e #8MFagoFolga. Podes usar só un ou ambos, e tamén outros a maiores… pero lembra poñer mínimo un deles no texto da publicación! Se ademáis mencionas ao perfil de Galegas 8M da rede onde subas o teu apoio (estamos en Facebook, Twitter, Instagram e Youtube), será máis sinxelo facer o seguimento.
  3. Se queres, comparte este post para animar a outras mulleres a participar ou a informarse sobre a manifestación do 3 de marzo en Lugo e a Folga Feminista! 

campaña apoios 2019

Queres aportar teus textos ao blog de Galegas8M? 

Ademais da campaña, pensamos que o noso espazo virtual podería servir tamén para dar acubillo ás túas reflexións, ideas, opinións, etc, sempre dende o respecto máximo e a tolerancia para con todas as mulleres e formas de sentir e practicar o feminismo. Abrimos a posibilidade de que nos envíes aqueles textos que queiras compartir e irémolos publicando pouco a pouco. 

Se che presta participar deste xeito, só tes que enviarnos un mail a 8m2018gal@gmail.com co asunto “texto para o blog” especificando como queres que recollamos a túa autoría (individual, colectiva, con seudónimo…). 

Write a Reply or Comment

Your email address will not be published.