O 4M fun a Vigo, o 3m vou a Lugo: sobran os motivos!
Este artigo foi remitido a Galegas8M por iniciativa individual e recolle as impresións e opinións da súa autora, que poden ou non coincidir coas da propia asemblea. Dende aquí, convidámosvos a todas a seguir este exemplo e a enviarnos as vosas opinións, relatos, experiencias… para a súa publicación neste espazo aberto.
Autora: Laura Rodríguez Pena
A lista de motivos para asistir á manifestación do 4 de Marzo a Vigo era tan larga como vergoñenta. Podo imaxinar que no pensamento de todas estarían as víctimas do feminicidio, as mulleres maltratadas, explotadas, discriminadas ou invisibilizadas no eido profesional ou personal. Ademáis da brecha salarial, o teito de cristal, o desigual reparto dos coidados no fogar e o resto das circunstancias que diariamente que aínda que teñamos acadado unha igualdade legal aínda estamos lonxe da igualdade real.
Porén, o ano pasado tamén atopamos razóns adicionais. O contexto invitaba ao optimismo e, tendo en conta o escenario por veces tan descorazonador no que estamos afeitas a transitar, non era pouco. A resposta masiva en rexeitamento ao machismo xudicial demostrado na sentencia do caso da violación múltiple da Manada ou a crecente movilización social ante determinados casos de discriminación e violencia machista apuntaban a que ese 8 de marzo non ía ser unha mera data ceremonial de homenaxe case folclórico ás mulleres na que se tiña tornado esa data durante un tempo.
Viaxei de Sada a Vigo coa intuición de que o feminismo galego estaba nun punto chave, nun punto de inflexión nas súas reivindicacións, e de que as mulleres galegas podíamos facer historia dando exemplo de autorganización, compromiso, cooperación, determinación e optimismo. E de feito creo que o conseguimos. A manifestación foi histórica e as rúas enchéronse de mulleres de todas as idades e condicións nunha xornada de feminismo e transversalidade onde houbo oco para abordar desde aspectos de violencia machista, inseguridade das xóvenes, a loita contra as desigualdades profesionais ou a problemática das pensionistas pobres.
Do que non se fala non existe e nas movilizacións ao redor o 8-M conseguimos visibilizar socialmente a necesidade de rematar coa hexemonía patriarcal e que se poda falar sobre o feminismo con maior confianza. Moitas mulleres participaron por primeira vez nunha manifestación feminista aquel 4M. Acostumadas a aturar como naturais certas situacións, crían que o machismo non ía con elas e, de súpeto, coas denuncias públicas e o coñecemento da sororidade, déronse conta de que facían parte de algo máis global e de que as reivindicacións das organizacións feministas tamén eran as súas.
O éxito tamén é constatable no rearme feroz do patriarcado que, co apoio da dereita e dos medios de comunicación, respostou ás nosas demandas de igualdade tentando ridiculizar o noso discurso a través do despretixio sistemático das feministas desde a confusión e a falacia para despoxarnos de credibilidade. Algo que indica que os nosos dereitos aínda son entendidos como unha amenaza aos seus privilexios que, mesmo que mermados, persisten.
Por iso creo que este 3 de Marzo temos que encher as rúas de Lugo. Temos que volver a facer historia e impedir que calen un berro que aínda non é o suficientemente alto. Non podemos retroceder, e xuntas somos máis fortes na defensa duns dereitos que están a ser cuestionados. Temos que demostrarlle ao sistema patriarcal que non vai contar máis coa complicidade do noso silencio.
Por todas as mulleres, por todos os dereitos!
Eu vou o 3M a Lugo!